luns, 13 de xaneiro de 2020

Comezamos os 21 días co Galego e +!!!

 21 DÍAS CO GALEGO E + 2020
Por que estamos aquí?
A nosa finalidade é conseguir un dos obxectivos do sistema educativo en Galicia, que todos sexamos quen de falar en galego con soltura e corrección.

Que dous obxectivos ten este programa?
1) Aumentar e perfeccionar o emprego oral do galego durante 21 días e no futuro.
2) Que cada quen reflexione de maneira íntima sobre a relación que ten co galego dende a súa situación vital concreta e individual e co resto de linguas que coñece.

Temos máis obxectivos?

Si, porque somos persoas ambiciosas de saber, por iso podemos dicir que tamén aspiramos a:
Coñecer e valorar a importancia do uso da lingua galega como elemento fundamental para manter a identidade de Galicia.
Valorar o galego como expresión da nosa riqueza cultural.
Potenciar a nosa relación coa comunidade lusófona.
Achegarnos a áreas de interese para a adolescencia.

Quen vai acadar estes obxectivos?
Vós, porque vós sodes as únicas e únicos protagonistas, de vós depende o seu éxito ou o seu fracaso.
Nos 21DCGe+ non hai enganos, trátase dun reto individual para ti pero tamén é un reto colectivo para todo o noso instituto.
Mais non pensedes que estades sós, somos moitas persoas as que vos imos acompañar neste camiño, profesorado, conserxes, persoal da cafetaría (neste caso personalízase para cada centro), as vosas familias, a xente galegofalante que hai na sociedade e, por suposto, as vosas compañeiras e compañeiros que vos han servir de alidados para usar e querer máis o galego.


E que imos facer?
Pois ides falar, falar e falar.
Ademais de falar, cada día nas aulas (de luns a venres) e na casa (as fins de semana) tedes que visitar a páxina web do programa.
21 DÍAS CO GALEGO E +
https://blogs.xunta.gal/21diascogalegoemais/
Nela atoparedes as instrucións polo miúdo para seguir o programa.
   

Ningún comentario:

Publicar un comentario