venres, 4 de novembro de 2022

SAMAÍN

Xa está de volta o Samaín e o seu concurso de portas aterradoras. Este ano decidimos que os protagonistas fosen os monstros de noso! Poñen medo, pero a maioría son inofensivos :) Ademais, tivemos o noso propio cemiterio, visitounos a estadea...




O concurso ganárono 2º ESO E coa súa porta adicada ao sacaúntos e 1º ESO B co busgoso.

 

martes, 1 de novembro de 2022

MES DA CIENCIA EN GALEGO

 

Para celebrar o mes da ciencia en galego, a Biblioteca, EDLG e os departamentos de ciencias organizaron nos segundos recreos diferentes xogos científicos. Animádevos a participar!

martes, 28 de xuño de 2022

FIN DE CURSO

Toca despedirse! Ao final, o curso acaba máis rápido do que parecía! Para celebrármolo, o último día organizáronse diferentes actividades. Entre elas, o noso departamento propuxo a elaboración do cacho de San Xoán. Foi un éxito! En seguida esgotastes as flores! 
Tamén houbo mesas con diferentes xogos para entreter a mañá.











mércores, 25 de maio de 2022

DÍA DAS LETRAS 2022

Como sabedes, o venres 13 celebramos o Día das Letras Galegas coa exposición dos traballos realizados polos rapaces e rapazas de 1º e 2º da ESO e co noso Got Talent particular. Temos que agradecer a colaboración do alumnado de 4º para que todo saíse ben e nolo pasaramos xenial. Subiremos un vídeo das actuación en breve, pero mentres tedes aquí unha pequena mostra de todo o que se fixo ao redor das Letras Galegas :

martes, 10 de maio de 2022

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2022

Nas clases xa vos irían falando algo de Florencio Delgado Gurriarán. Probade os vosos coñecementos con estes xogos: 



Pasapalabra

xoves, 5 de maio de 2022

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2022

 Como sabedes, este ano as Letras Galegas homenaxean a figura de Florencio Delgado Gurriarán. Temos programadas varias actividades para festexar este día: exposición de fondos bibliográficos na biblioteca,  a Árbore das letras, o Festival das Letras... e moitas máis cousas que vos iremos contando.

Para empezardes a coñecelo un pouco mellor, botade un ollo á exposición: "Florencio Delgado Gurriarán. Unha conexión atlántica", do Concello da Coruña, que podedes ver tamén no vestíbulo do centro.

 

Exposición de fondos
Árbore das Letras

xoves, 28 de abril de 2022

DÍA DO LIBRO

 Este ano, para festexar o Día do libro, o alumnado de 1º e 2º da ESO realizou unha actividade inspirada en : Se eu fosse um livro  de José Jorge Letria. A tarefa consistía en plasmar unha visión persoal da premisa da obra :  e se eu fose un libro....?

Aquí tedes o resultado! 






luns, 28 de marzo de 2022

ESOPÍAS

Aquí tedes o resultado das vosas esopías! Estes días poderedes votar polas que máis vos gusten. Haberá, ao lado do panel onde están expostas, unha caixa onde depositar o voso voto.
Tamén podedes lelas neste arquivo:

mércores, 9 de marzo de 2022

UN NOVO XOGO DE LINGUA: PENSATERMOS

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de sacar un novo xogo Pensatermos para fomentar o uso da nosa lingua e practicar o noso léxico. 

Na súa páxina web explican o seu funcionamento, que é sinxelo:

"Pensatermos é un xogo lixeiro e gratuíto para entreterse a calquera hora do día e que consiste en formar palabras a través de sete letras, sendo unha delas de uso obrigatorio. As palabras deben ter como mínimo tres letras e non ser formas verbais conxugadas, nin termos en plural. A puntuación do xogo determínase polo número de letras utilizadas: 1 punto por palabras de tres letras, 2 puntos por palabras de 4 letras e a partir das cinco letras, tantos puntos como teña a palabra. Se se utilizan todas as letras, faise un pleno e obtéñense 18 puntos."





luns, 7 de marzo de 2022

8 DE MARZO

Como sabedes o 8 de marzo é o Día Internacional da Muller.

Por que esa data? A escritora Anna R. Figueiredo explícao no seu libro: Feminismos. A historia cóntana as vencedoras

"E todo o do 8-M entón, de onde sae? Pois de entrada imos saír un momentiño de Galicia e marchar a Chicago. En 1909, o 28 de febreiro, celébrase alí o Día Nacional da Muller por iniciativa das Mulleres Socialistas, en honor á folga das traballadoras do téxtil de Nova York do ano anterior, en que participaran unhas 15.000 mulleres pedindo melloras laborais e o dereito ao voto. Ao ano seguinte, en Copenhague, na Conferencia Internacional das Mulleres Socialistas - data que coincide coa aprobación do decreto que permite en España que as mulleres acudan á universidadedeclárase que o Día Internacional da Muller será o 8 de marzo -internacionalizado polo calendario da ONU en 1977- e festéxase por vez primeira en Alemaña, Austria, Dinamarca e Suíza."

En Galicia temos moitas mulleres senlleiras. Só tedes que botarlle un ollo ao  Álbum de Mulleres, un proxecto da Comisión Técnica de Xénero que recolle a memoria e o pasado das mulleres en Galicia. 

E para probar o que sabedes dalgunhas delas, aquí tedes este xogo. Adiante!


traballadoras

xoves, 3 de marzo de 2022

CONCURSO DE ESOPÍAS

 A  Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) da zona da Coruña convoca para estudantes e adultos o VII Concurso de Esopías .

O equipo de Dinamización, o da Biblioteca e o Departamento de Matemáticas súmanse a este concurso e realizan unha convocatoria dentro do IES.

Lede as bases no cartel:




Podedes descargar este arquivo para que vos sirva de guía.

martes, 1 de marzo de 2022

ENTROIDO 2022

Algúns alumnos e alumnas de 1º de bacharelato, que colaboran co equipo de Dinamización, foron polas aulas de 1º e 2º da ESO para mostrarlles a variedade de entroidos tradicionais que temos e  explicarlles as características desta celebración.


 

mércores, 23 de febreiro de 2022

DÍA DE ROSALÍA


 Hoxe é o Día de Rosalía e no nosos centro estámolo a festexar por todo o alto.

Decidimos agasallarvos cun poema e unha flor ( aínda que nós apostamos polo toxo, se non sabedes por que....premede aquí ), seguindo a proposta da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. E estamos encantados porque acollestes moi ben a iniciativa!

Botade un ollo a todo o que preparamos.

ENTROIDO!!!

Como sabedes, estes días estamos a celebrar o entroido. O Meco mandounos levar algo na cachola, no pescozo, un caravel negro (homenaxe a Rosalía de Castro), lentes decoradas... Aínda non o podemos festexar como a nós nos gustaría, pero temos preparadas unhas actividades para que comprobedes a diversidade do entroido galego, o que o converte nunha das nosas festas favoritas e coñecida alén das nosas fronteiras.
Probade os vosos coñecementos!
Este é para os que aínda non tedes moito contacto con esta tradición:
 
E esta para os que xa sodes expertos :)



luns, 21 de febreiro de 2022

DÍA DE ROSALÍA

 O 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, para conmemorar a data de nacemento da nosa poeta máis recoñecida.

Temos preparadas varias actividades para festexar este día. Pero, para irmos comezando, convertemos en interactivos uns pasatempos rosalianos publicados en Aulas Galegas.

Esperemos que vos gusten. Animádevos a probar os vosos coñecementos !

ENCRUCILLADO DA XEOGRAFÍA ROSALIANA

SOPA DE CRAVO

Achegan tamén un xogo realizado por Ana Sánchez Sanmartín e Alba Carril Casanova, para ir descubrindo á nosa autora.



luns, 14 de febreiro de 2022

ACTIVIDADES 14 DE FEBREIRO


Como sabedes, desde Dinamización propúxose a actividade "Quérote en galego", onde tiñades que redactar unha carta para expresarlle os vosos sentimentos ás vosas amizades, familia, mascotas... a quen vós quixerdes.

Coas vosas achegas, formamos o mural que podedes ver estes días na entrada do instituto. Quedou realmente ben!




luns, 24 de xaneiro de 2022

14 DE FEBREIRO: DÍA DO AMOR E DA AMIZADE

 O 14 de febreiro festéxase o día do amor en parella, pero tamén o dos lazos familiares e da amizade..

Expresarmos os nosos sentimentos non sempre é sinxelo. Porén nós queremos animarvos a que o fagades  en GALEGO!!!

Lede no folleto as bases e animádevos a participar!



DÍA DA LINGUA MATERNA

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o 21 de febreiro de 2002 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. 

As sociedades multilingües e multiculturais existen a través das súas línguas, que axudan a transmitir e preservar os coñecementos e as culturas tradicionais .

Desde o noso IES queremos contribuír a esta celebración cunha actividade de recollida de vocabulario coa que decoraremos os corredores do centro.



xoves, 13 de xaneiro de 2022

WORDLE EN GALEGO!!!

Non coñecedes Wordle? 

Trátase dun xogo na web que consiste en descubrir unha palabra de cinco letras ao día. É  de acceso libre, non hai que rexistrarse e non ten anuncios. Emprega un código de cores para descubrir se a letra está na palabra e está na posición correcta (verde), se a letra está  pero nunha posición inadecuada (amarelo) ou se non forma parte dela (gris). Non hai máis pistas e tes seis intentos para descubrir o termo que agocha. Tanto se  acertas como se non, hai que esperar ao día seguinte para seguir xogando.

O Wordle orixinal foi creado por Josh Wardle e Abraham Martínez García adaptouno ao galego

Probade! Poñede a proba o voso léxico! É realmente adictivo!!!

mércores, 12 de xaneiro de 2022

domingo, 9 de xaneiro de 2022

POSTAIS DE NADAL

O noso alumnado quixo felicitar o Nadal coas súas propias tarxetas. Aquí tedes unha mostra da súa creatividade!