xoves, 23 de febreiro de 2023

DÍA DE ROSALÍA

Sen estarmos aínda recuperados do entroido, xa está aquí o Día de Rosalía. Temos preparadas unha chea de actividades para conmemorar esta data: 
- o xoves, xunto co equipo de Biblioteca, poderedes participar nun obradoiro de colaxes coa figura de Rosalía e os seus versos como eixo. O tema seguirá a proposta da AELG #cumpriuseaxustiza. 
- ademais, a rapazada de 1ª ciclo escollerá os poemas e versos que máis lle gusten e escribiraos nun papel plantable que sementaremos a vindeira semana na nosa horta. Colaborarán connosco os departamentos de Bioloxía e o de Física e Química. 
- e seguiremos cunha iniciativa que comezamos o ano pasado e que esperamos se convirta en tradición: a entrega de poemas e toxos.

venres, 17 de febreiro de 2023

FESTA DE ENTROIDO

 A quí tedes unha pequena mostra de todo o que estivemos a argallar no entroido: as sobremesas, carautas, comparsas...






E os profes ofrecemos a nosa versión da batukada!



martes, 7 de febreiro de 2023

ENTROIDO!

 



Xa está aquí a festa das festas! Preparádevos para a troula!

Que nos pedirá este ano o noso meco Afonso? 

venres, 3 de febreiro de 2023

CANDELORIA

O 2 de febreiro, segundo a tradición galega, é o día que casan os paxariños. Debería ser a data para celebrar o amor romántico ou a amizade na nosa cultura! Non permitamos que desapareza ou sexa substituída por tradicións foráneas! E para que puidésedes demostrar o voso amor/amizade por alguén, convocamos un concurso de chíos que resultou todo un éxito! Enchéstesnos de agarimo!!!

luns, 30 de xaneiro de 2023

SEMANA DE CASTELAO

Esta semana celebramos o aniversario de Castelao, cunha exposición das súa aobras e dos vosos propios traballos interpretándoas. A exposición medra día a día coas vosas achegas!

martes, 10 de xaneiro de 2023

NADAL

E en Nadal tivemos unha visita moi especial...o Apalpador. Veunos pedir que non o esquezamos, estaba tristeiro porque Papá Noel chegou con moita forza e acabou por quitarlle o seu labor. Apoiemos ao Apalpador e démoslle o seu lugar!

venres, 4 de novembro de 2022

SAMAÍN

Xa está de volta o Samaín e o seu concurso de portas aterradoras. Este ano decidimos que os protagonistas fosen os monstros de noso! Poñen medo, pero a maioría son inofensivos :) Ademais, tivemos o noso propio cemiterio, visitounos a estadea...




O concurso ganárono 2º ESO E coa súa porta adicada ao sacaúntos e 1º ESO B co busgoso.

 

martes, 1 de novembro de 2022

MES DA CIENCIA EN GALEGO

 

Para celebrar o mes da ciencia en galego, a Biblioteca, EDLG e os departamentos de ciencias organizaron nos segundos recreos diferentes xogos científicos. Animádevos a participar!

martes, 28 de xuño de 2022

FIN DE CURSO

Toca despedirse! Ao final, o curso acaba máis rápido do que parecía! Para celebrármolo, o último día organizáronse diferentes actividades. Entre elas, o noso departamento propuxo a elaboración do cacho de San Xoán. Foi un éxito! En seguida esgotastes as flores! 
Tamén houbo mesas con diferentes xogos para entreter a mañá.











mércores, 25 de maio de 2022

DÍA DAS LETRAS 2022

Como sabedes, o venres 13 celebramos o Día das Letras Galegas coa exposición dos traballos realizados polos rapaces e rapazas de 1º e 2º da ESO e co noso Got Talent particular. Temos que agradecer a colaboración do alumnado de 4º para que todo saíse ben e nolo pasaramos xenial. Subiremos un vídeo das actuación en breve, pero mentres tedes aquí unha pequena mostra de todo o que se fixo ao redor das Letras Galegas :

martes, 10 de maio de 2022

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2022

Nas clases xa vos irían falando algo de Florencio Delgado Gurriarán. Probade os vosos coñecementos con estes xogos: 



Pasapalabra

xoves, 5 de maio de 2022

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2022

 Como sabedes, este ano as Letras Galegas homenaxean a figura de Florencio Delgado Gurriarán. Temos programadas varias actividades para festexar este día: exposición de fondos bibliográficos na biblioteca,  a Árbore das letras, o Festival das Letras... e moitas máis cousas que vos iremos contando.

Para empezardes a coñecelo un pouco mellor, botade un ollo á exposición: "Florencio Delgado Gurriarán. Unha conexión atlántica", do Concello da Coruña, que podedes ver tamén no vestíbulo do centro.

 

Exposición de fondos
Árbore das Letras

xoves, 28 de abril de 2022

DÍA DO LIBRO

 Este ano, para festexar o Día do libro, o alumnado de 1º e 2º da ESO realizou unha actividade inspirada en : Se eu fosse um livro  de José Jorge Letria. A tarefa consistía en plasmar unha visión persoal da premisa da obra :  e se eu fose un libro....?

Aquí tedes o resultado! 






luns, 28 de marzo de 2022

ESOPÍAS

Aquí tedes o resultado das vosas esopías! Estes días poderedes votar polas que máis vos gusten. Haberá, ao lado do panel onde están expostas, unha caixa onde depositar o voso voto.
Tamén podedes lelas neste arquivo:

mércores, 9 de marzo de 2022

UN NOVO XOGO DE LINGUA: PENSATERMOS

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de sacar un novo xogo Pensatermos para fomentar o uso da nosa lingua e practicar o noso léxico. 

Na súa páxina web explican o seu funcionamento, que é sinxelo:

"Pensatermos é un xogo lixeiro e gratuíto para entreterse a calquera hora do día e que consiste en formar palabras a través de sete letras, sendo unha delas de uso obrigatorio. As palabras deben ter como mínimo tres letras e non ser formas verbais conxugadas, nin termos en plural. A puntuación do xogo determínase polo número de letras utilizadas: 1 punto por palabras de tres letras, 2 puntos por palabras de 4 letras e a partir das cinco letras, tantos puntos como teña a palabra. Se se utilizan todas as letras, faise un pleno e obtéñense 18 puntos."





luns, 7 de marzo de 2022

8 DE MARZO

Como sabedes o 8 de marzo é o Día Internacional da Muller.

Por que esa data? A escritora Anna R. Figueiredo explícao no seu libro: Feminismos. A historia cóntana as vencedoras

"E todo o do 8-M entón, de onde sae? Pois de entrada imos saír un momentiño de Galicia e marchar a Chicago. En 1909, o 28 de febreiro, celébrase alí o Día Nacional da Muller por iniciativa das Mulleres Socialistas, en honor á folga das traballadoras do téxtil de Nova York do ano anterior, en que participaran unhas 15.000 mulleres pedindo melloras laborais e o dereito ao voto. Ao ano seguinte, en Copenhague, na Conferencia Internacional das Mulleres Socialistas - data que coincide coa aprobación do decreto que permite en España que as mulleres acudan á universidadedeclárase que o Día Internacional da Muller será o 8 de marzo -internacionalizado polo calendario da ONU en 1977- e festéxase por vez primeira en Alemaña, Austria, Dinamarca e Suíza."

En Galicia temos moitas mulleres senlleiras. Só tedes que botarlle un ollo ao  Álbum de Mulleres, un proxecto da Comisión Técnica de Xénero que recolle a memoria e o pasado das mulleres en Galicia. 

E para probar o que sabedes dalgunhas delas, aquí tedes este xogo. Adiante!


traballadoras

xoves, 3 de marzo de 2022

CONCURSO DE ESOPÍAS

 A  Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) da zona da Coruña convoca para estudantes e adultos o VII Concurso de Esopías .

O equipo de Dinamización, o da Biblioteca e o Departamento de Matemáticas súmanse a este concurso e realizan unha convocatoria dentro do IES.

Lede as bases no cartel:




Podedes descargar este arquivo para que vos sirva de guía.

martes, 1 de marzo de 2022

ENTROIDO 2022

Algúns alumnos e alumnas de 1º de bacharelato, que colaboran co equipo de Dinamización, foron polas aulas de 1º e 2º da ESO para mostrarlles a variedade de entroidos tradicionais que temos e  explicarlles as características desta celebración.


 

mércores, 23 de febreiro de 2022

DÍA DE ROSALÍA


 Hoxe é o Día de Rosalía e no nosos centro estámolo a festexar por todo o alto.

Decidimos agasallarvos cun poema e unha flor ( aínda que nós apostamos polo toxo, se non sabedes por que....premede aquí ), seguindo a proposta da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. E estamos encantados porque acollestes moi ben a iniciativa!

Botade un ollo a todo o que preparamos.

ENTROIDO!!!

Como sabedes, estes días estamos a celebrar o entroido. O Meco mandounos levar algo na cachola, no pescozo, un caravel negro (homenaxe a Rosalía de Castro), lentes decoradas... Aínda non o podemos festexar como a nós nos gustaría, pero temos preparadas unhas actividades para que comprobedes a diversidade do entroido galego, o que o converte nunha das nosas festas favoritas e coñecida alén das nosas fronteiras.
Probade os vosos coñecementos!
Este é para os que aínda non tedes moito contacto con esta tradición:
 
E esta para os que xa sodes expertos :)