xoves, 23 de febreiro de 2023

DÍA DE ROSALÍA

Sen estarmos aínda recuperados do entroido, xa está aquí o Día de Rosalía. Temos preparadas unha chea de actividades para conmemorar esta data: 
- o xoves, xunto co equipo de Biblioteca, poderedes participar nun obradoiro de colaxes coa figura de Rosalía e os seus versos como eixo. O tema seguirá a proposta da AELG #cumpriuseaxustiza. 
- ademais, a rapazada de 1ª ciclo escollerá os poemas e versos que máis lle gusten e escribiraos nun papel plantable que sementaremos a vindeira semana na nosa horta. Colaborarán connosco os departamentos de Bioloxía e o de Física e Química. 
- e seguiremos cunha iniciativa que comezamos o ano pasado e que esperamos se convirta en tradición: a entrega de poemas e toxos.

venres, 17 de febreiro de 2023

FESTA DE ENTROIDO

 A quí tedes unha pequena mostra de todo o que estivemos a argallar no entroido: as sobremesas, carautas, comparsas...






E os profes ofrecemos a nosa versión da batukada!



martes, 7 de febreiro de 2023

ENTROIDO!

 



Xa está aquí a festa das festas! Preparádevos para a troula!

Que nos pedirá este ano o noso meco Afonso? 

venres, 3 de febreiro de 2023

CANDELORIA

O 2 de febreiro, segundo a tradición galega, é o día que casan os paxariños. Debería ser a data para celebrar o amor romántico ou a amizade na nosa cultura! Non permitamos que desapareza ou sexa substituída por tradicións foráneas! E para que puidésedes demostrar o voso amor/amizade por alguén, convocamos un concurso de chíos que resultou todo un éxito! Enchéstesnos de agarimo!!!

luns, 30 de xaneiro de 2023

SEMANA DE CASTELAO

Esta semana celebramos o aniversario de Castelao, cunha exposición das súa aobras e dos vosos propios traballos interpretándoas. A exposición medra día a día coas vosas achegas!

martes, 10 de xaneiro de 2023

NADAL

E en Nadal tivemos unha visita moi especial...o Apalpador. Veunos pedir que non o esquezamos, estaba tristeiro porque Papá Noel chegou con moita forza e acabou por quitarlle o seu labor. Apoiemos ao Apalpador e démoslle o seu lugar!

venres, 4 de novembro de 2022

SAMAÍN

Xa está de volta o Samaín e o seu concurso de portas aterradoras. Este ano decidimos que os protagonistas fosen os monstros de noso! Poñen medo, pero a maioría son inofensivos :) Ademais, tivemos o noso propio cemiterio, visitounos a estadea...




O concurso ganárono 2º ESO E coa súa porta adicada ao sacaúntos e 1º ESO B co busgoso.